Friday 03 de May de 2024

Os Reis Magos farán dúas recepcións aos nenos e nenas de Boqueixón na tarde do xoves 5 de xaneiro na Casa da Cultura de Camporrapado


A Casa da Cultura de Camporrapado acollerá este venres 5 de xaneiro a tradicional Festa de Reis do Concello de Boqueixón. Un evento que dará comezo ás 17:00 horas, coa posta en escena do conto “Un Nadal Máxico”, a cargo dos Bolechas, populares personaxes creados por Pepe Carreiro.

“Os Bolechas. Un Nadal Máxico” conta a historia dunha das irmás Bolechas, Loli, unha aprendiz de maga que tratará de traer de volta aos seus irmáns desaparecidos coa axuda da súa variña máxica, do supermago Danubio e dos rapaces e rapazas de Boqueixón. Ao rematar a obra, dará comezo a tradicional recepción de Melchor, Gaspar e Baltasar, que incluirá un sorteo de agasallos en colaboración con SBC Gasolineras. E ás 18:45 horas haberá un segundo pase para as familias que non quixeran ver aos Bolechas.

A asistencia tanto ao espectáculo dos Bolechas e á recepción dos Reis Magos, como unicamente ao encontro real, é de balde. Iso si, é preciso anotarse en www.boqueixon.gal. Poden apuntarse ata 4 nenos/as (de ata 10 anos de idade) en cada quenda, así como dúas persoas adultas por cada familia. As prazas outorgaranse por orde de inscrición, tendo preferencia os nenos e nenas empadroados en Boqueixón e as crianzas que estean matriculadas nalgún centro de ensino do municipio.

E o sábado 6 de xaneiro, unha nova edición do Boqueixogo chegará ao polideportivo. De 17:30 a 20:30 horas haberá inchables e obradoiros para os nenos e nenas, así como unha degustación de chocolate con churros para todas as persoas asistentes. Esta actividade é gratuíta e está aberta á participación toda a cativada, sen necesidade de inscrición previa.